Wednesday 08 de May de 2024

O Concello de Frades retira as ruínas da antiga escola da praza de Ponte Carreira


O Concello afronta con fondos propios a primeira fase dos traballos, que inclúen a demolición e recuperación deste espazo para a veciñanza

O Concello de Frades vén de proceder esta mañá ao derrubo da antiga escola de Ponte Carreira, cuxo inmoble se atopaba en estado ruinoso e irrecuperable, ao tempo que comezou xa os traballos de recuperación da contorna da praza de Ponte Carreira, un dos puntos principais da actividade social, cultural e comercial do municipio e que no novo PXOM figura como zona verde. Deste xeito, o Concello de Frades fai realidade unha vella demanda veciñal, que chega despois de algo máis dun ano de negociacións co propietario do inmoble.

O concelleiro de Economía, Manuel Ferreiro Marzoa, explica que “o Concello financia con fondos propios a primeira fase dos traballos, consistentes na demolición do vello inmoble e na recuperación da zona. A segunda fase está pendente da concesión dunha subvención solicitada á Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia para completar a reforma integral da praza de Ponte Carreira”. O Concello de Frades decidiu retirar o edificio debido ao estado ruinoso no que se atopaba, que facía inviable a súa recuperación.

A praza de Ponte Carreira é un dos centros neurálxicos da vida social, cultural e comercial do concello de Frades. Así, todos os días 12 e 26 de cada mes, acolle un mercado ambulante tradicional, cunha vintena de postos. Ademais, adoita ser un o punto de encontro para numerosas actividades deportivas e sociais organizadas polo Concello de Frades, como o Día da Bicicleta, a Cabalgata de Reis ou a próxima Carreira Popular de Frades, que terá lugar o próximo 1 de maio.